martes, 9 de junio de 2009

Amnistía Internacional-As violacións de dereitos humanos, agravadas pola crise económica

Campaña Esixe Dignidade

(Vigo/Santiago).- A recesión económica está agudizando a crise de dereitos humanos. Agraváronse os abusos, desviouse a atención deles e creáronse novos problemas. Os dereitos humanos se pisotearon en nome da seguridade e agora reléganse ao último posto en nome da recuperación económica.”Miles de millóns de persoas sofren inseguridade, inxustiza e indignidade.

Polo menos 963 millóns de persoas pasan fame, 1.000 millóns viven en asentamentos precarios, cada minuto unha muller morre a consecuencia de complicacións derivadas do embarazo, 1.300 millóns non teñen acceso a asistencia médica básica, 2.500 millóns non teñen acceso a servizos sanitarios adecuados e 20.000 nenos e nenas morren cada día a consecuencia diso
”, sinalou Alberto Estévez, portavoz de Amnistía Internacional en Galicia.A crise tradúcese en escaseza de comida, emprego, auga contaminada, terra e vivenda, pero tamén en privación, discriminación e aumento da desigualdade, a xenofobia e o racismo, a violencia e a represión en todo o mundo.
Amnistía Internacional presenta en Galicia unha campaña para denunciar os vínculos entre pobreza e abusos contra os dereitos humanos
  • * Malia o crecemento económico de países como Brasil, México e India, ás comunidades indíxenas e outros grupos marxinados negáronselles dereitos básicos para vivir unha vida digna.

    * Centos de miles de persoas de barrios marxinais e comunidades urbanas víronse forzadas ao desarraigamento en nome do desenvolvemento económico.

    * O fame e as enfermidades aumentaron debido á drástica subida dos prezos dos alimentos, e os gobernos -en particular os de Myanmar, Corea do Norte e Zimbabue- utilizaron a comida como arma política.

    * Continuou a discriminación e a violencia contra as mulleres.

    * En resposta ás presións migratorias, os países de acollida e de tránsito adoptaron medidas aínda máis restritivas para manter aos migrantes fóra das súas fronteiras. A UE levou a iniciativa nesta actitude, en conivencia con gobernos como os de Mauritania, Marrocos e Libia.

Presentación en Galicia dunha nova campaña mundial

A crise de dereitos humanos creou unha perentoria necesidade de cambiar o debate sobre a pobreza”, declarou Estévez. Amnistía Internacional organiza sendas conferencias en Vigo e Santiago o xoves 11 e venres 12 de xuño para presentar a campaña mundial Esixe Dignidade, que abordará a pobreza desde un enfoque de dereitos humanos e pretende combater os abusos contra os dereitos humanos que xeran e agudizan a pobreza.


Para iso, AI contará coa presenza da activista peruana de dereitos das mulleres Josefa Ramírez, especialista en temas relacionados coa marxinación, exclusión social, violencia de xénero e desigualdade das mulleres das zonas rurais do seu país. Licenciada en Traballo Social, preside o Instituto de Apoio ao Movemento Autónomo de Mulleres Campesiñas (IAMAMC), desde o que contribúe a impulsar políticas e programas dirixidos ás mulleres do medio rural, así como defender os dereitos humanos de persoas afectadas pola violencia política e a violación dos seus dereitos sexuais e reprodutivos. O xoves 11 ás 20.00 h. estará en Vigo na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova (Policarpo Sanz 24-26) e o venres 12 ás 19.30 estará en Santiago de Compostela na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16).

A pobreza non é algo inevitable. A campaña Esixe Dignidade mobilizará á xente para abordar os abusos contra os dereitos humanos que conducen á pobreza e agrávana, por iso pediremos a rendición de contas de gobernos e axentes económicos polos abusos cometidos, faremos que as iniciativas para a erradicación da pobreza teñan en conta os dereitos humanos e esixiremos a participación das persoas que viven na pobreza nas decisións que afectan ao seu benestar”, declarou o portavoz de AI.

A campaña centrarase en: 1.- os asentamentos precarios, pedindo a fin dos desaloxos forzosos e o acceso a todos os dereitos humanos para as persoas que viven en asentamentos precarios. 2.- A mortalidade materna e o dereito das mulleres á saúde sexual e reprodutiva, incluída a saúde materna. 3.- As industrias extractivas, esixindo que as empresas rendan contas dos seus abusos contra os dereitos humanos. Ao longo desta campaña, Amnistía Internacional dirixirase, entre outros, a Estados Unidos para pedirlle que ratifique o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, e a China para pedirlle que ratifique o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos.



No hay comentarios: