viernes, 26 de diciembre de 2008

Un ano despois da Lei de "Memoria Histórica", as vítimas da Guerra Civil e o Franquismo teñen pouco que celebrar

España mantén o incumprimento das súas obrigacións internacionais en materia de verdade, xustiza e reparación

AI pedirá á Xunta que a exhumación de foxas se faga nun contexto xudicial e garanta a súa compatibilidade coa obriga de investigar xudicialmente crimes contra a humanidade


Vigo.- Un ano despois da adopción da "Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura", chamada Lei de "Memoria Histórica", Amnistía Internacional (AI) expresa a súa decepción e preocupación pola resposta do Estado español aos dereitos das vítimas.
"Ata o de agora, esta Lei desenvolveuse parcialmente, con lentitude, utilizouse para opoñerse á investigación xudicial de crimes contra a humanidade e non achegou ao Estado español ao cumprimento das súas obrigacións internacionais coa verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do franquismo e a guerra civil", declarou Alberto Estévez, voceiro de AI en Galicia.

Cando se adoptou esta Lei hai un ano, AI considerouna un lixeiro paso adiante, pero hoxe continúa lonxe das obrigacións internacionais de España e, ata o de agora, non contribuíu de forma decisiva a saldar a débeda pendente coas vítimas que padeceron graves violacións de dereitos humanos.

"É un desenvolvemento regramentario de lentitude exasperante, só a final de ano, a remolque dos acontecementos xudiciais, o Goberno ditou algunhas disposicións para o desenvolvemento e a aplicación do establecido na Lei. E o disposto concéntrase só en medidas simbólicas ou de escaso significado para garantir verdade, xustiza e reparación" asegura Estévez.
No que respecta á compatibilidade da Lei coas accións xudiciais, o panorama é aínda máis crítico, pola incerteza e conseguinte aprazamento para os dereitos das vítimas como resultado das actuacións do Ministerio Fiscal e a decisión do Pleno da Sala do Penal da Audiencia Nacional o pasado 2 de decembro de 2008. Os últimos superviventes e as familias, para quen o tempo xoga en contra, continúan se atopar satisfacción nin recursos efectivos.

Ademais, a Lei foi utilizada, polo Ministerio Fiscal e outras autoridades, como argumento para opoñerse á obriga do Estado de investigar en sede xudicial os crimes do pasado e de recoñecer os dereitos das vítimas segundo as normas internacionais.

Petición á Xunta
En novembro, a Consellería de Cultura anunciou un acordo para a exhumación de foxas en Galicia co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que se ocupará dos estudios antropolóxico-forenses, e o Instituto de Medicina Legal (Imlus) da USC. Segundo o convenio da Consellería coa Universidade de Santiago, a apertura de foxas farase a petición dos descendentes das víctimas ou de entidades que os representen, e será coordinada pola Consellería. "En xaneiro pediremos unha entrevista coa Consellería porque as exhumacións deben facerse nun contexto xudicial e respetar as normas internacionais ao respecto", declarou Alberto Estévez, voceiro de AI en Galicia.

Valoración de Amnistía Internacional sobre o recoñecemento dos dereitos á verdade, á xustiza e á reparación que teñen todas as vítimas e a súa aplicación en España

Dereito á verdade
O que marcan as normas internacionais
· As vítimas e as súas familias teñen o dereito imprescritible a coñecer a verdade. Os Estados deben adoptar as medidas adecuadas para facer efectivo este dereito incluídas as necesarias para garantir o funcionamento independente e eficaz do poder xudicial, para facer efectivo o dereito a saber. Os Estados poden incluír mecanismos que complementen a función do poder xudicial para contribuír a esclarecer a verdade e impedir a desaparición de probas.
O que se fixo en España durante o 2008

· Persistiuse en trasladar ás asociacións, familias a vítimas tarefas propias do Estado, e asignáronse subvencións para funcións que son impropias de ser levadas a cabo por particulares como as exhumacións e, no seu caso, a identificación das persoas vítimas de desaparición forzada durante a Guerra Civil ou durante a represión política posterior.
· Non se proporcionou a información necesaria ao Grupo de Traballo de Nacións Unidas sobre Desaparicións Forzadas ou Involuntarias respecto da investigación sobre os casos remitidos a este organismo internacional.

Dereito á xustiza
O que marcan as normas internacionais
· Toda vítima dunha violación manifesta das normas internacionais de dereitos humanos ou dunha violación grave do dereito internacional humanitario ten dereito a un recurso xudicial efectivo

O que fixo España durante 2008
· O Ministerio Fiscal opúxose ao exercicio da función xurisdiccional alegando prescrición e a aplicación da Lei de Amnistía de 1977 aos crimes denunciados ante a Audiencia Nacional. Isto é incompatible coas obrigacións internacionais do Estado español. Pola súa parte, o Pleno da Sala do Penal da Audiencia nacional, co seu auto do 2 de decembro de 2008, en lugar de protexer os dereitos das vítimas, prolonga a súa peregrinaxe incerta na busca de verdade, xustiza e reparación pola súa conta a través dos xulgados territoriais.

Dereito á Reparación
O que marcan as normas internacionais
· As vítimas de violacións manifestas das normas internacionais de dereitos humanos e de violacións graves do dereito internacional humanitario teñen dereito a interpoñer recursos e obter reparacións. A reparación ten que ser proporcional á gravidade das violacións e ao dano sufrido e os Estados deben procurar establecer programas nacionais de reparación e outra asistencia ás vítimas cando o responsable dos danos sufridos non poida ou non queira cumprir coas súas obrigacións.
O que fixo España durante 2008

· As disposicións adoptadas polas autoridades españolas nas últimas semanas limitáronse a aquelas de escaso significado, como a declaración de reparación e recoñecemento persoal para as vítimas.
· No límite da data prevista pola Disposición adicional Sétima da Lei iniciouse o desenvolvemento de normas sobre o dereito de opción á nacionalidade española. Igualmente, ditáronse disposicións relativas á concesión da nacionalidade aos voluntarios integrantes das Brigadas internacionais, colectivo con xa moi poucos superviventes e de idades moi avanzadas.
· No que respecta ás indemnizacións, reguláronse ás condicións a favor de persoas falecidas ou con lesións que ocasionan discapacidade polas súas actividades en defensa da democracia (do 1 de xaneiro de 1968 ao 6 de outubro de 1977).

· O 15 de decembro, o Consello de Ministros aprobou a creación da Oficina para as Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura, para facilitar a información necesaria no exercicio dos seus dereitos ás persoas que o precisen.
Recomendacións de Amnistía Internacional ás Autoridades Españolas

Sobre o dereito á verdade:
· Proporcionar resposta con información substantiva ao Grupo de Traballo de Nacións Unidas sobre Desaparicións forzadas e involuntarias, sen máis dilación.
· Cumprir as recomendacións do Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas de outubro de 2008, que inclúe: "prever a creación dunha comisión de expertos independentes encargada de restablecer a verdade histórica sobre as violacións dos dereitos humanos cometidas durante a guerra civil e a ditadura".

Sobre o dereito á xustiza
· Garantir os dereitos das vítimas á xustiza e a contar con recursos efectivos e idóneos. Na elaboración dun protocolo de actuación científica e multidisciplinar que asegure a colaboración institucional e unha adecuada intervención nas exhumacións deberase garantir a súa compatibilidade coa obriga de investigar xudicialmente respecto de feitos constitutivos de crimes internacionais.

· Non opoñer, ante denuncias en sede xudicial, mecanismos de impunidade incompatibles co dereito internacional, e eliminar da lexislación española as disposicións sobre amnistía cuxa aplicación puidera pretenderse para impedir a obriga de investigar crimes contra a humanidade.
Sobre o dereito á reparación:
· Adoptar as medidas necesarias para que as vítimas de graves abusos contra os dereitos humanos poidan exercer o seu dereito á reparación de forma compatible coas normas internacionais.

Información xeral
O 26 de decembro de 2007 foi adoptada a "Lei pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura". A Disposición final primeira habilitou ao Goberno e aos seus membros para ditar cantas disposicións fosen necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido na lei. A Disposición Adicional Segunda estableceu que as previsións contidas na mencionada Lei son "compatibles co exercicio das accións e o acceso aos procedementos xudiciais ordinarios e extraordinarios establecidos nas leis ou nos tratados e convenios internacionais subscritos por España".
A finais de outubro de 2008, o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas recordou ás autoridades españolas que os delitos de lesa humanidade son imprescritibles e sinalou que as amnistías relativas ás violacións graves dos dereitos humanos son incompatibles co Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. O Comité, aínda que tomou nota con satisfacción das garantías dadas por España no sentido de que a chamada Lei de "Memoria Histórica" prevé que se esclareza a sorte que correron os desaparecidos, observa con preocupación as informacións sobre os obstáculos con que tropezaron as familias nas súas xestións xudiciais e administrativas para obter a exhumación dos restos e a identificación das persoas desaparecidas.

Amnistía Internacional Galicia - Equipo de Medios de Comunicación
Alberto Estévez Telf. 647 084 640
Documentos e comunicados de prensa www.es.amnesty.org

No hay comentarios: