sábado, 12 de noviembre de 2011

15M Conciencia Social dá o seu PLENO APOIO á demolición da “cruz dos caídos” de Vigo



15M Conciencia Social dá o seu PLENO APOIO á Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 para contribuír á demolición da “cruz dos caídos” de Vigo, cruz adicada ao fascismo e para difundir, para contar esta historia, unha máis de tantas que non se deben obviar, non se deben silenciar. Hai que coidar, que conservar a memoria, incluída a MEMORIA HISTÓRICA,… xa que é ben sabido que “os pobos que non coñecen a súa historia están condenados a repetila”. E a guerra civil só trouxo morte e resentimento.

Hai unha historia que nunca lle contaron sobre a cidade de Vigo. A 15M Conciencia Social desveloulle esta a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 (Asociación recoñecida como “Viguesa Distinguida” polo Concello no 2007) memoriavigo@yahoo.es
Esta é a historia:

Nos folletos turísticos que vostede recibe ao desembarcar en Vigo cóntanlle que a grande cruz de pedra que está situada aos pés de El Castro, foi erixida en memoria dos soldados caídos, creando así a idea de que tamén en Vigo, como noutras partes do mundo, existe un monumento en lembranza e homenaxe ao soldado descoñecido.

Pero non, a cruz de Vigo non simboliza iso. Velaquí a súa verdadeira historia:
En 1936 un sector do exército ao mando do xeneral Franco levantábase en armas –co inestimable apoio das tropas de Hitler e Mussolini- contra o goberno lexítimo da República comezando una guerra que duraría tres anos e que provocaría un millón de mortos, medio millón de exiliados e máis de douscentos cincuenta mil presos políticos. Durante a II Guerra Mundial, o réxime do xeneral Franco mobilizou un corpo de voluntarios falanxistas (“División Azul”) e enviounos a Rusia para loitar ao lado do exército alemán vestidos co uniforme da Wehrmacht e levando nas súas guerreiras a cruz gamada nazi.

Para perpetuar a memoria dos soldados “caídos” na chamada Cruzada de Liberación e a dos que morreron na fronte rusa, o xeneral Franco ordenou erixir por toda España grandes e colosais cruces de pedra que tivesen “a grandeza dos monumentos antigos e que desafíen o tempo e o esquecemento”. E así, nas faldas do monte de El Castro e no lugar que no seu momento se chamou “Praza da División Azul”, a cidadanía viguesa e os que visiten a nosa cidade deberán soportar, aínda hoxe, a visión dun símbolo do fascismo que ofende a memoria dos que loitaron contra el e deron, como en moitos países de Europa, a súa vida en defensa da liberdade e a democracia.

¿Imaxinan vostedes algún país onde aínda exista un monumento deste tipo? Miles de vigueses e viguesas veñen demandando das autoridades locais (do alcalde Sr. Caballero) a demolición desta cruz, exemplo máximo de ignominia e ofensa ao pobo de Vigo”. (www.asemblearepublicana.org)

A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 tramita a demanda para demoler a “cruz dos caídos”, no xulgado de Vigo e contra o Concello da cidade, pola ausencia de resposta ás reiteradas peticións de retirada dos símbolos franquistas dirixidas ó alcalde Abel Caballero Álvarez, en cumprimento da lei 52/2007 de 26 de decembro pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quenes padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura (coñecida como lei da Memoria Histórica), “proceda de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do Concello de Vigo”. Esta demanda conta co aval e respaldo de 20 colectivos da cidade e de numerosos cidadáns.

No hay comentarios: