sábado, 10 de enero de 2009

11 de xaneiro 2009-Amnistía recolle sinaturas mañá na R/ Príncipe para que Obama fixe a data do peche de Guantánamo

Vigo En vésperas do sétimo aniversario dos primeiros traslados ao centro de detención estadounidense da badía de Guantánamo, Amnistía Internacional pide ao presidente electo Barack Obama que, sen demora, despois da súa toma de posesión, anuncie a data do peche deste centro, e faga realidade o seu compromiso de pór fin ás violacións de dereitos humanos que caracterizaron as políticas e prácticas antiterroristas de Estados Unidos nos últimos sete anos.

A organización de dereitos humanos tamén pediu ao presidente electo que apoie a creación dunha comisión independente de investigación sobre as violacións de dereitos humanos cometidas por Estados Unidos ou no seu nome como parte da "guerra contra o terror", co fin de garantir a rendición de contas e como sinal dun cambio fundamental na política antiterrorista estadounidense.

“Non pedimos o imposible. Barack Obama xa manifestou a súa determinación de remediar algúns dos males que o goberno estadounidense autorizou en nome da seguridade nacional, e pedímoslle que faga realidade ese compromiso”, manifestou Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Galicia.

“Recibimos con satisfacción a prioridade que se está dando á cuestión de Guantánamo", manifestou Estévez. “O peche de Guantánamo pode ser o inicio dunha clara ruptura coas políticas de detención do pasado, mais só se fai de maneira que cumpra plenamente as obrigas internacionais contraídas por Estados Unidos. O quid da cuestión será lograr que non se recree Guantánamo baixo calquera outro nome en calquera outro lugar”.

O secretario estadounidense de Defensa, Robert Gates, pediu ao seu equipo que elabore plans para o peche de Guantánamo, un peche que considera que será unha alta prioridade do novo goberno. Isto debe incluír un plan detallado para o futuro dos detidos. Todo plan de pechar Guantánamo debe incluír tamén o abandono inmediato dos xuízos por comisións militares, calquera xuízo futuro debe levarse a cabo ante os tribunais civís ordinarios.

Nese sentido, AI escenificará mañá ás 13.00 h. na R/Príncipe de Vigo o xuízo na Comisión Militar que está previsto que se celebre o 26 de xaneiro a Omar Khadr, cidadán canadense que tiña só 15 anos cando foi detido en Afganistán polo exército de EE.UU. “Omar está acusado de ser “combatente inimigo”. Desde 2002 permaneceu en situación de detención indefinida baixo custodia de EEUU en Bagran (Afganistán) e logo en Guantánamo”, declarou Estévez. O xuízo comezará seis días despois do inicio do goberno de Obama. Malia que o novo presidente de EEUU anunciou o peche “de xeito responsable” do centro de detención de Guantánamo, ata hoxe non fixo ningunha declaración sobre a fin das comisións militares.

Outros países deben facilitar o peche do centro de detención de Guantánamo ofrecendo protección humanitaria aos detidos cuxa liberación foi autorizada pero que non poden regresar aos seus países por temor a sufrir neles a tortura ou persecución. Algúns Estados da Unión Europea, entre eles Alemaña e Portugal, manifestaron o seu apoio á idea de aceptar a detidos na UE, e a propia UE está debatendo a adopción dun enfoque común.

“Guantánamo foi parte dunha estratexia de detención pola cal os Estados Unidos perpetraron unha agresión sistemática, de sete anos de duración, contra os dereitos humanos fundamentais – como o dereito a un xuízo xusto e a recibir un trato humano - no nome da loita contra o terrorismo", declarou Estévez. “Xa é hora de que Estados Unidos adopte un novo enfoque, pero outros países teñen tamén un papel fundamental á hora de axudar a que se peche este centro de detención”.

O Goberno español tamén debe ofrecer protección internacional
Tal e como xa o fixeron outros gobernos europeos, o Goberno español debe comprometerse a aceptar detidos de Guantánamo cuxa liberación foi autorizada pero que non poden ser devoltos aos seus países de orixe ante o temor de sufrir novas violacións de dereitos humanos.

O goberno español tamén debe levar a cabo unha investigación exhaustiva sobre a natureza de todos os voos sospeitosos de estar relacionados con actividades ilegais no contexto da "guerra contra o terror" que lidera Estados Unidos. Esta investigación debe cubrir as escalas en aeroportos civís españois dos chamados voos da CIA identificadas por institucións como o Parlamento Europeo e o Consello de Europa e o emprego de bases militares españolas por parte de avións militares estadounidenses para o traslado de presos a Guantánamo, como os do avión matrícula N168BF Ginebra-Vigo o 31.08.05 e Vigo-Banjul (Gambia) o 01.09.05, e o do avión matrícula N970SJ Santiago de Compostela –Bedford (EE.UU.) o 17.10.02. Os resultados deben ser entregados ao xuíz da Audiencia Nacional que mantén aberta unha investigación xudicial sobre o asunto dos voos.

Aeroportos galegos “libres de violacións de dereitos humanos”

Activistas de AI ataviados con monos laranxa como os presos de Guantánamo entregarán o domingo 11 de xaneiro pola mañá unha carta ao director do aeroporto de Vigo en Peinador e reiteraranlle a petición feita en outubro de 2008 para que asine unha declaración de condena do uso das súas instalacións e o espazo aéreo español para facilitar “entregas extraordinarias” e detencións secretas en avións vencellados á CIA. “A posta en práctica das medidas que sinala esta declaración en aeroportos civís, bases militares e portos españois impediría que o territorio español volva ser utilizado para realizar ou facilitar operacións ilegais no contexto do combate ao terrorismo. As medidas tamén pasan por unha revisión do actual Convenio de Defensa con Estados Unidos”, sinalou Estévez.

Un desafío para Obama
Durante os seus primeiros 100 días no cargo, Amnistía Internacional pide ao presidente electo de Estados Unidos que emprenda reformas concretas en materia de dereitos humanos, mediante, por exemplo: o anuncio dos detalles do plan para o peche do centro de detención da badía de Guantánamo nun prazo relativamente breve; a emisión dunha orde presidencial que prohiba a tortura e outros malos tratos, conforme os define o dereito internacional; a creación dunha comisión independente que investigue os abusos cometidos polo goberno estadounidense na súa "guerra contra o terror". Para apoiar esta petición, Amnistía Internacional lanzou unha campaña en internet en www.actuaconamnistia.org. Miles de persoas xa apoiaron a ciberacción.

Información adicional
Actualmente, uns 250 homes permanecen recluídos en Guantánamo. Algúns levan alí máis de seis anos. Amnistía Internacional foi unha das primeiras organizacións que pediu o peche de Guantánamo. O 11 de xaneiro, activistas, simpatizantes e membros de Amnistía Internacional en máis de 35 países do mundo pedirán de novo que Estados Unidos modifique a súa política de detención no contexto da loita antiterrorista.

A base de Guantánamo foi un dos destinos ou orixe dos voos da CIA para operacións de detención secreta e entregas extraordinarias e voos militares de EEUU que fixeron escala en territorio español. A finais do 2009 sóubose que o Goberno español autorizou en xaneiro de 2002 o emprego das bases militares españolas para o traslado de detidos a Guantánamo. Entre 2002 e 2007 unha ducia de avións militares estadounidenses procedentes ou con destino Guantánamo fixeron uso das bases españolas.

Calcúlase que ao redor de 200 presos chegaron á base naval americana en avións militares que, aínda que non sempre fixeron escala en España, si cruzaron o espazo aéreo español, cuxo emprego tamén necesita de autorización. Aínda que o Ministerio de Asuntos Exteriores – nunha comparecencia ante o Congreso en decembro- asegurou que ningún destes avións chegou a trasladar detidos, non houbo ata a data ningunha investigación exhaustiva promovida polo goberno que o confirme.

Amnistía recolle sinaturas mañá na R/ Príncipe para que Obama fixe a data do peche de Guantánamo

Activistas de AI escenificarán un xuízo a Omar Khadr, preso canadense de Guantánamo menor de idade cando foi detido

Membros da ONG vestidos con monos laranxa como os presos de Guantánamo reclamarán ao director de Peinador que declare o aeroporto vigués “Zona Libre de Tortura”

A organización pide ao Goberno español que ofreza protección internacional aos detidos que sexan liberados

Entra en www.actuaconaminstia.org e súmate á petición dirixida a Obama para que amose un compromiso real cos dereitos humanos nos seus primeiros 100 días.

Amnistía Internacional Galicia - Equipo de Medios de Comunicación
Alberto Estévez
www.es.amnesty.org

No hay comentarios: