martes, 18 de marzo de 2008

O blog de Amnistía Internacional en Vigo

O blog de Amnistía Internacional en Vigo www.vigoamnesty.blogspot.com superou as catro mil visitas logo dun ano da súa inauguración. "O obxectivo do blog é achegar o traballo de Amnistía Internacional á rede e informar sobre as accións que facemos en Vigo e Galicia, permitindo que calquera internauta participe delas e saiba sobre que traballamos", declarou Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional.

O blog recolle "posts" (artigos) sobre temas como o peche de Guantánamo e o
traballo da campaña Contra o Terror, Xustiza, incluídos dous vídeos de actos
de AI en Vigo que reproducen as condicións de Guantánamo, así coma un
Desfile a prol da Vida e pola abolición da pena de morte, vídeos acerca da
Violencia contra as Mulleres e de publicidade da organización. "Tamén hai
artigos e fotos sobre o labor de AI en Educación en Dereitos Humanos, a
represión na Guerra Civil española e durante o Franquismo, o debate
celebrado o ano pasado sobre a actual lei española sobre comercio de armas e
a campaña mundial para regular este comercio da morte mediante un Tratado
Internacional ou a colaboración do grupo cultural vigués La Tanda, que o ano
pasado entregou preto de 1.800 euros a Amnistía para o seu programa de
protección de defensores de dereitos humanos", declarou o voceiro de AI.

No blog pódense atopar tamén as propostas de AI aos partidos políticos nas
eleccións xerais e nas locais de 2007, información e fotografías sobre as
visitas a Vigo en outubro de 2007 de español ex condenado a morte Joaquín
José Martínez ou a dun defensor de dereitos humanos colombiano en decembro
do ano pasado, a proposta de Plan de Dereitos Humanos presentado á Xunta de
Galicia en novembro pasado cando visitou Vigo o director de AI en España,
Esteban Beltrán para dar unha conferencia na Universidade viguesa, a
proposta de Plan de Dereitos Humanos presentada ao goberno local vigués o
día 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, e ciberaccións
sobre a violencia en Kenia, execucións en Irán, a liberación dos 58 presos
de conciencia que aínda quedan en Cuba, a maoiría deles pertencentes ao
grupo de setenta y cinco detidos hai hoxe 5 anos, sometidos a xuizos
sumarios e condenados ata a 28 anos de prisión. O blog incorpora tamén
accións sobre moitos outros países, sobre os dereitos das nenas a ter unha
"Escola Segura", e artigos sobre as eleccións países ou temas concretos.

Especial sobre o aniversario da guerra de Irak e Guantánamo

Para o 20 marzo, AI anuncia un post especial adicado ao quinto aniversario
da Guerra de Irak e un par de artigos específicos sobre Guantánamo. " Cinco
anos despois de que as forzas encabezadas por Estados Unidos derrocasen a
Sadam Husein, Iraq segue sendo un dos países máis perigosos do mundo no que
se refire aos dereitos humanos", manifestou Alberto Estévez.

Nun novo informe titulado Matanzas e desesperación, a organización describe
o devastador impacto -con máis de catro millóns de persoas desprazadas dos
seus fogares- que tiveron os ataques e homicidios sectarios perpetrados por
grupos armados, a tortura e os malos tratos inflixidos polas forzas
gobernamentais iraquís, e a prolongada detención de miles de sospeitosos a
mans de forzas estadounidenses e iraquís. Moitos dos detidos permanecen
recluídos sen cargos nin xuízo, algúns deles durante anos.

Dedicáronse millóns de dólares á seguridade pero, a día de hoxe, dous de
cada tres iraquís seguen sen ter acceso a auga potable, e case un terzo da
poboación -é dicir, uns oito millóns de persoas- necesita axuda de urxencia
para sobrevivir. Milleiros de persoas morreron ou quedaron mutiladas, e
comunidades que antes vivían en relativa harmonía víronse arroxadas a un
conflito declarado. A poboación civil é a que soportou a maior parte da
carga. As condicións de moitas mulleres, agora en perigo a causa do
integrismo relixioso, deterioráronse respecto da época de Sadam Husein.

Segundo o informe, nin sequera na rexión kurda relativamente pacífica do
norte de Iraq as melloras económicas víronse acompañadas dun aumento do
respecto polos dereitos humanos. "Seguen recibíndose informes de detencións
arbitrarias, reclusións e tortura ata nas provincias kurdas -manifestou o
voceiro local de AI- e a disidencia política pacífica apenas se tolera.
Detívose sen cargos a opositores políticos, e os homicidios por motivos de
'honra' (mulleres que morren a mans das súas familias) seguen sendo un
problema moi arraigado que as autoridades critican pero non abordaron
adecuadamente."

Ninguén sabe con exactitude cantas persoas morreron en Iraq desde a invasión
encabezada por Estados Unidos en marzo de 2003. Segundo o estudo máis amplo,
realizado conxuntamente pola Organización Mundial da Saúde e o goberno
iraquí e publicado o pasado mes de xaneiro, máis de 150.000 persoas morreran
ata xuño de 2006. A ONU informou de que en 2006 -o último ano do que se
dispón destas cifras- morreran case 35.000 persoas.

O problema constante da inseguridade obstaculizou os esforzos por restaurar
a orde pero, mesmo cando as autoridades iraquís se viron en situación de
defender os dereitos humanos, rara vez o fixeron. Os xuízos son
sistematicamente inxustos, con condenas baseadas en declaracións
presuntamente obtidas mediante tortura, e centenares de persoas foron condenadas á morte.

No hay comentarios: