AI pide aos aeroportos galegos que se declaren “zonas libres de violacións de dereitos humanos”
Amnistía Internacional avalía a resposta de España á “Guerra contra o Terror”
Vigo/Santiago de Compostela – A “Guerra contra o Terror” liderada por Estados Unidos tivo impacto en Galicia. As entregas extraordinarias e detencións secretas lideradas por Estados Unidos a través do territorio español, os interrogatorios ilegais de policías españois en Guántanamo o a violación da prohibición absoluta da tortura en casos de extradicións e expulsións amosan que España respondeu á "Guerra contra o Terror" incumprindo obrigas internacionais de dereitos humanos. Esta é a principal conclusión do informe “Destinos inconfesables, obrigas incumpridas” presentado hoxe por Amnistía Internacional (AI).
Como outros países europeos, España permitiu durante máis de catro anos que a Axencia Central de Intelixencia (CIA) empregase aeroportos e o espazo aéreo español para as súas operacións de detencións secretas e entregas extraordinarias. “Malia a gravidade dos feitos, o Goberno español non tomou nin unha soa medida efectiva para impedir que España volva facilitar este tipo de prácticas ilegais. Nin sequera o fixo a partir de 2005, cando xa non era quen de alegar descoñecemento da existencia destes voos", asegura Alberto Estévez, voceiro da organización en Galicia.
Unhas 200 persoas detidas chegaron a Guantánamo en avións militares estadounidenses que, aínda que non sempre despegaron de bases españolas, si cruzaron o espazo aéreo español, cuxo uso tamén está sometido a autorización das autoridades españolas. O Goberno español non informou sobre estes voos nin ao Parlamento Europeo, nin ao Consello de Europa nin ao Congreso dos Deputados.
O informe “Destinos inconfesables, obrigas incumpridas” ten en conta, entre outras fontes, as investigacións do Parlamento Europeo que chegou a documentar ata 68 escalas de avións que se relacionan con actividades ilegais da CIA en aeroportos españois ata finais de 2005. A cifra aumenta se se lle engaden as máis de 20 escalas realizadas por outros avións que, aínda que con destinos menos preocupantes, tamén foron relacionados coa CIA e o seu programa de detencións secretas. A listaxe de voos presuntamente vinculados á CIA inclúe voos a Peinador e Lavacolla, concretamente do avión matrícula N168BF Xenebra-Vigo o 31.08.05 e Vigo Banjul (Gambia) o 01.09.05, así como o do avión matrícula N970SJ Santiago de Compostela –Bedford (EE.UU.) o 17.10.02.
Aeropuertos galegos “libres de violacións de dereitos humanos”
AI enviará o informe aos directores dos tres aeroportos galegos e pediralles que firmen una declaración de condena do uso das súas instalacións e do espazo aéreo español para facilitar “entregas extraordinarias” e detencións secretas en avións vencellados á CIA. “Esta declaración de condena do uso dos aeroportos españois para facilitar detencións secretas, “entregas extraordinarias” ou outras prácticas ilegais pide que poñan en marcha unha serie de medidas situaría aos aeroportos galegos á vangarda da protección dos dereitos humanos ante estas prácticas ilegais”, sinalou Estévez.
Bases militares e voos da CIA
AI tamén denuncia a falla de control nas bases militares españolas, algo que permitiu unha ducia de escalas de avións militares estadounidenses con orixe ou destino Guantánamo, algúns dos cales podería ter trasladado persoas detidas de xeito ilegal. Segundo os rexistros aéreos portugueses e españois, estas escalas tiveron lugar entre xaneiro de 2002 e setembro de 2007. No caso das bases de Rota e Morón de la Frontera, amparadas polo Convenio de Cooperación para a Defensa con Estados Unidos, as autoridades españolas deron luz verde a estas escalas a través dunha autorización xenérica de carácter trimestral ás autoridades estadounidenses. Para AI, as garantías que ofreceu Estados Unidos sobre a legalidade dos seus movementos nas bases teñen pouca credibilidade cando se trata de actividades relacionadas coa “Guerra contra o Terror”.
A organización tamén lamenta a ausencia de investigacións exhaustivas e independentes do Goberno español para chegar ao fondo do asunto dos voos secretos da CIA en España e o emprego das bases militares para voos a Guantánamo. “As investigacións abertas na Audiencia Nacional son un paso importante. Mais hai que recordar que estas foron impulsadas pola sociedade civil e non polas autoridades españolas. É urxente aclarar en que medida España puido facilitar a comisión de prácticas ilegais ou axudar a elas, así coma determinar se funcionarios particulares incorreron en responsabilidade penal”, engade Estévez.
O Goberno español tampouco impulsou investigacións exhaustivas, imparciais e independentes sobre o alcance das viaxes de policías españois a Guantánamo para interrogar a varias persoas detidas ao aproveitarse do limbo extralegal e as condicións de reclusión coercitivas da base naval. O Goberno español expresou o seu rexeitamento a Guantánamo a través dunha declaración oficial, pero non é abondo. Tal desacordo debe traducirse en accións claras e contundentes para esclarecer o número e as datas de todas as visitas, os seus obxectivos e as autoridades implicadas nelas. AI recorda que un axente que interroga a un detido a sabendas de que se atopa nunha situación de dor e sufrimento persistentes debe ser investigado pola súa presunta implicación en torturas.
Incoherencia no discurso sobre a “Guerra contra o Terror”
O Goberno español defendeu en foros nacionais e internacionais o seu apoio á legalidade internacional para facer fronte aos actos terroristas. Porén, ao mesmo tempo, o Goberno español segue a firmar acordos sobre terrorismo, cooperación xudicial e de outra índole sen salvagardas de dereitos humanos eficaces con países como Marrocos, Exipto, Arxelia ou Estados Unidos. Todos eles, países que empregaron a “Guerra contra o Terror” e cuestións de “seguridade nacional” para xustificaren violacións dos dereitos humanos.
Ademais, España ignora as súas obrigas internacionais no que atinxe á prohibición absoluta da tortura ao expulsar a un cidadán sirio, Basel Ghalyoum, ao seu país en xullo de 2008, malia o risco fundamentado de que podería ter sido sometido a tortura e malos tratos, unha vez trasladado, algo que non ocorreu neste caso, máis si noutras ocasións. O Tribunal Supremo absolveu a Ghalyoun da súa participación nos atentados do 11-M no 2004. Foi expulsado de contado. A última información á que tivdo acceso AI é que foi detido en Damasco polas Forzas de Seguridade estatais e nestos momentos atópase incomunicado nun centro de detención.
As autoridades españolas tampouco poden aceptar “garantías diplomáticas” de países con historiais preocupantes de dereitos humanos, que son ineficaces e imposibles de cumprir. Por iso, AI pide ao Goberno español que non autorice a extradición do cidadán de orixe checheno Murat Gasayev á Federación Rusa. A extradición xa foia aprobada pola Audiencia Nacional baseándose nunha serie de garantías improbables de ser efectivas e está pendente da decisión que tome o Consello de Ministros.
Oportunidade para rectificar
O Goberno español pode aproveitar todas as oportunidades que ten nas próximas datas para modificar a súa política. España asumirá a Presidencia do Consello de Europa no mes de novembro. Dende esa posición, debe impulsar o cumprimento das recomendacións elaboradas por esta organización para que se inicien investigacións independentes sobre a participación dos Estados europeos nas entregas extraordinarias e para levar a cabo medidas coordinadas no ámbito europeo que garantan que non se repiten estas e outras violacións dos dereitos humanos. Ao mesmo tempo, tamén en novembro, darase a coñecer o novo goberno estadounidense, co que se poderá establecer unha nova relación baseada no respecto mutuo aos dereitos humanos.
En relación a España, como primeiras medidas, Al pide ao Goberno español que:
• Colabore activamente e sen dilación coa investigación xudicial na Audiencia Nacional sobre o emprego dos aeroportos españois e bases militares por parte de avións que participaron en entregas extraordinarias, detencións secretas ou outras violacións dos dereitos humanos.
• Garanta que non se empregue ningunha parte do territorio español, incluído o seu espazo aéreo, as augas e todos os aeroportos e bases militares, para manter ou facilitar detencións ilegais ou secretas nin outras actividades ilegais. Entre outras medidas, as autoridades españolas deben pedir que toda aeronave ou similar que solicite autorización para transitar ou facer escala no territorio español indique se algún dos seus pasaxeiros está privado de liberdade e, neste caso, cal é a súa condición, destino e fundamento xurídico do seu traslado.
• Impulse unha investigación independente e imparcial sobre o alcance dos interrogatorios de policías e funcionarios españois a detidos na base naval de Guantánamo e deseñe mecanismos que regulen as actividades extraterritoriais dos policías, axentes de intelixencia e outros corpos de seguridade para impedir que poidan contribuír a violacións dos dereitos humanos.
• Cumpra estritamente co principio internacional de non devolución e a prohibición absoluta da tortura, e así absterse de expulsar ou extraditar a persoas a países nos que poidan sufrir tortura ou malos tratos. Non dar por válidas “garantías diplomáticas” para esgrimir as súas responsabilidades internacionais sobre a tortura.
Información complementaria
En xuño de 2008 Amnistía Internacional publicou o informe “Negar a evidencia. A participación de Europa nas entregas extraordinarias e detencións secretas”. No informe, a organización advertiu da falla de medidas para impedir que Europa volva a participar no programa de entregas extraordinarias e detencións secretas lideradas por Estados Unidos. O informe destacou o grao de implicación de Italia, Suecia, Reino Unido, Bosnia Herzegovina e Alemaña nestas prácticas ilegais. “Destinos inconfesables, obrigas incumpridas”, o informe presentado hoxe pola organización, céntrase no papel desempeñado por España neste tema e outros feitos relacionados coa “Guerra contra o Terror”.
Amnistía Internacional condenou de forma persistente e inequívoca os actos de terrorismo e outros ataques deliberados contra a poboación indefensa en boa parte do mundo e fixo fincapé en que os Estados teñen o deber de protexer ás persoas que se atopan baixo xurisdición fronte a tales actos Á súa vez, todos os gobernos deben incumprir os principios recoñecidos internacionalmente e a obriga de respectar os dereitos humanos e o Estado de dereito, mesmo ao responder a actos o a ameazas de terrorismo.
Amnistía Internacional Galicia (vigo)
www.es.amnesty.org
Etiquetas
15MVigo
actividades
agenda
arte
artesanos
barrios de Vigo
Bouzas
Brincadeira Bouzas
cacicadas
Calvario
Camelias
Candela
Cangas
casco vello
charlas
colectivos
Comarca y alrededores
comunicados
conciertos
concursos
conferencias
cultura
cursos
Desfeites
desinformacion
exposiciones
ferias
folgas
fotos
furanchos
galego
gastronomia
homenaje
humor grafico
locales
manifestación
memoria histórica
morrazo
museos
musica
Notas publicadas con retraso
novas
ons
pobreza
Poesía
política
puerto
reportajes
republica
routeiros
rua
sucesos
talleres
tecnologia
Teis
trasporte
videos
Vitrasa
wifi gratis
xancarajazz
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario