Como parte da exposición TEMPO AO TEMPO
A partir da semana que ven, unha vez clausurada a exposición DOPPELGÄNGER nas salas do primeiro andar do MARCO, comezarán as tarefas de montaxe da exposición TEMPO AO TEMPO, ata a súa inauguración o 19 de outubro.
Algúns dos artistas atópanse xa en Vigo coa preparación dos seus proxectos. É o caso de Gustavo Romano (Bos Aires, Arxentina, 1958), que participará na exposición coa peza titulada Time Notes. Oficina de reintegro del tiempo perdido, unha videoinstalación feita a partir dunha acción que o artista ten levado a cabo en varias cidades do mundo, nesta ocasión na rúa do Príncipe, fronte á fachada principal do MARCO.
O proxecto Time Notes [Billetes de Tempo] comprende unha serie de accións en espazos públicos utilizando un sistema de diñeiro baseado en unidades temporais (billetes de 1 ano, de 60 minutos, etc.). Nel poden participar todas as persoas que se acheguen a esta oficina móbil.
A oficina de reintegro do tempo perdido ofrécese como lugar de recepción e clasificación do tempo cedido involuntariamente, baixo presión ou por razóns arbitrarias —traballando nun emprego non desexado, perdido nunha relación equivocada, servindo ao exército, etc. Na oficina móbil, un representante de Time Notes House acusará recibo da descrición de como perdeu o seu tempo o declarante, e lle lo reintegrará cun billete do valor correspondente, coa causa da perda impresa no reverso. Toda a acción será gravada en vídeo para incluíla posteriormente na obra exhibida na exposición TEMPO AO TEMPO.
Oficina do tempo perdido
· Datas: venres 5 e sábado 6 de outubro
· Lugar: rúa do Príncipe, fronte á fachada principal do MARCO
· Horario: de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00
No hay comentarios:
Publicar un comentario