Bos Aires era unha cidade con intensa vida política e cultural. As ideas socialistas e anarquistas estaban moi de moda. Era unha época na que a revolución rusa conmovera os alicerces do vello réxime capitalista. Os cafés da Rúa Corrientes ou a Avenida de Mayo albergaban as tertulias literarias máis prestixiosas do momento. As Grupos literarios “Florida” ou “Boedo” eran as máis coñecidas daquel entón que reunían a figuras como Borges, Raúl González Tuñón, Leopoldo Marechal, Álvaro Yunque, Leonidas Barleta, Roberto Arlt, etc. Namentras que no outro Grupo, un pouco distinto ao anterior, que tiñan como lugar de xuntanza na cafetería “La Armonía” se reunían os mozos galegos que tiñan inclinacións literarias ou políticas. Alí, entre lembranzas, copas de coñac e moita nostalxia, iase nucleando un grupo de intelectuais, e entre eles estaban Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo, Abraira e o recén chegado Moisés Da Presa. O xornalista Denís Conles, quen coñeceu con fondura ao noso biografiado, relátanos: “Por aquela época formárase nun café da Avenida de Mayo unha peña de galegos – a maioría xente moza- avencelledos polo ideal dunha Galiza ceibe e democrática. Alí eran lidos e discutidos apaixoadamente os clásicos galegos, as obras dos novos autores, o periódico A Nosa Terra, a revísta Nós... A fala galega convertíase, nos beizos da mocedade, nunha arma nobre e baril para loitar pola dinificación dunha colectividade asoballada por un deprimente complexo de inferioridade. A este grupo incorporóuse Moises da Presa cando aínda non tiña vinte anos. Foi asín un dos fundadores, no 1925, da inesquencibel Sociedade Nazionalista Galega “Pondal”, que en xaneiro do ano seguinte comenzóu a publicar o seu combativo periódico A Fouce.”
A Sociedade Nazionalista Galega Pondal fundárona, entre outros, Vicente Barros, Francisco Lamas Barreiro, Lino Pérez, Manuel Oliveira, Antón Zapata García e Moisés da Presa, logo sumaríanse Bieito Fernández, Ricardo Flores, Bernardo Souto, etc.
A nova sociedade “Pondal” estaba influenciada pola recentemente fundada Irmandade da Fala da Coruña. Na súa revísta “A Fouce” escribían desde Galiza figuras como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e López Cuevillas. A ideoloxía dos “pondalianos”, como popularmente se lles chamaban, era o arredismo. Esta posición tamén a asumía unha organización semellante creada en Cuba polo independentista Fuco Gómez. Este influiu desde A Habana no pensamento radical dos nacionalistas galegos radicados no Río da Prata. Ambas organizacións dedicáronse a loitar para dignificar ao pobo galego, cando este era ridiculizado.
Bieito Cupeiro gustaba de contar unha das tantas anécdotas da Pondal: “Os fenianos” da “Pondal estaban en todas”. Mesmo botando abaixo de xeito definitivo unha obra teatral onde se poidera lixar o bon nome de Galiza e do seu pobo, como lle aconteceu á coñecida artista da escea nacional Olinda Bozán, cando representaba nun teatro porteño a obra dun dos máis consagrados autores do teatro arxentino, Alberto Vararezza, `Doña Quijota de Orense´. Neste caso os pondaliáns armaron tal rebundio que houbo que suspender a función e a obra non poido ser reposta nunca máis en ningunha saa, pola resonancia que tal feito chegou acadar na imprensa e na opinión culta da capital, que se puxeron de parte dos galegos por entender que de tal xeito non se volverian a verter tais aldraxes contra ningunha das comunidades residentes”. Un dos participantes daquel famoso suceso Ricardo Flores agrega á historia: “Cando nos enteramos que se estreaba unha obra que ridiculizaba aos galegos, xuntámonos un grupo da Pondal e fomos para o teatro. Ao comezar a obra os actores de forma chistosa empregaban palabras como `jato, jaliña´ e comezamos a berrar `Abajo!.... abajo!.... abajo!...´ foi tal o estrondo que realizamos que baixaron el telón. A actriz desconsolada polos berros dicía que na súa vida pasara unha situación igual. O escandalo foi tal que a policía detivo a varios dos nacionalistas, entre elos a Moisés da Presa”. Segundo o propio Flores, a policía cando interrogou a da Presa preguntoulle cal foi o motivo polo cal organizaron aquel tumulto e este contestou: “Señor comisário, eu son de Vigo unha cidade da Galiza; e se vostede se atopara, como arxentino que é, no Teatro García Barbón de Vigo, onde se representase unha obra ridiculizando aos arxentinos...aplaudiria?”. Esta resposta de da Presa significou a posta en liberdade de todos os “revoltosos” da Pondal.”
Nos anos trinta a Pondal adhírese á Federación de Sociedades Galegas, mais o amor durou moi pouco tempo e son expulsados da mesma.
En 1936 comézase a profundizar as correntes internas dentro da asociación, por unha banda Vicente Barros intenta fusionarse co grupo galeguista que dirixe Prada. Preto de 15 afiliados desta corrente danse de baixa e pásanse ao sector autonomista do Partido Galeguista. En 1939 Oliveira e Carril intentan reconducir á Pondal, mais a entidade está nunha crise fonda, chegando en poucos meses á autodisolución. O historiador Nuñez Seixas sinala no seu libro “O Galeguismo en America”: “Algúns dos membros da mesma, porén, como Barros ou M. Da Presa, chegarán a un acordo co grupo comunista galego para reeditar A Fouce como órgao do P.C. galego na arxentina, o que tamén contribíu á fin do nacionalismo purista e intransixente defendido dende 1926 polos pondaliáns, moitos dos cáles – coma o mesmo da Presa, Oliveira, e algún máis – militarán nos anos 40, tras duhna primeira etapa de disconformidade, nas riolas do nacionalismo federalista liderado polos esilados, en primer termo Castelao”.
Moisés da Presa tivo unha activa participación nas distintas entidades da emigración entre elas participou na Intersocietaria, Irmandade Galega, Centro Ourensano e foi membro do Consello de Galiza. Tamén exerceu un intenso labor xornalístico en Fouce, A Nosa Terra, Opinión Gallega, Vieiros (México) e no Boletín do Consello de Galiza. O seu labor xornalístico en A Nosa Terra, editada en Bos Aires, foi moi prolífero asinando numerosos artigos na sección Revoldaina co seudónimo de Lourenzo Fragoso.
Na área literaria escribiu o libro “Chuvia e outras narracións” na editorial “Nós” de Bos Aires, en 1972. Segundo Alberto Vilanova deixou inédita unha novela “Historia dunha saudade”. Sobre a súa narrativa di Denís Conles “Da Presa ten un estilo sobrio, sinxelo, direito. Non hai verbas de máis. A narración é axil, precisa. O diálogo, utilizado maxistralmente, abonda para situar con esaititude ambentes e psicoloxías. Cando quer ubicar un persoaxe nun ambente físico determinado, arránxase con duas pinceladas. En canto ao tempo, é curioso ouservar que os contos de temas galegos abranguen épocas diferentes, incluso a da Galiza aitual”.
A última etapa de Moisés da Presa ocupouna na Irmandade Galega, organización esta que fundara Castelao á súa chegada a Bos Aires.
Da Presa despois de varias décadas sen volver a Galiza logra visitar a súa tierra xunto a súa esposa Xenoveva en 1951, retornando novamente en 1966. Na súa estancia en Vigo contacta cos galeguistas que se nucleaban arredor da editorial Galaxia.
Moisésda Presa faleceu en Bos Aires o 4 de xaneiro de 1981, con el desaparecía toda unha xeración de loitadores pola dignidade de Galiza.
Bos Aires, 1972.
Santiago de Compostela, 1989.
Agosto de 1971, páx. 51.
No hay comentarios:
Publicar un comentario