jueves, 30 de mayo de 2013

Farase en Vigo o Encontro Europeo de Prácticas Cooperativas Cidadás


Os próximos 8 e 9 de xuño farase en Vigo o I Encontro Europeo de Prácticas Cooperativas Cidadás. Se pertences á cidadanía viguesa, da Galiza, estatal ou europeia, este é o teu encontro: queremos crear rede!. Chámase Cooperland e este é o primeiro paso. Podes vir como persoa individual a compartir ou como alguén dun colectivo, como prefiras. Se tes inquedanzas sobre os nosos bens comúns, sobre como creamos as comunidades e como se regulan ou sobre que nos arrodea cando o facemos, non o dubides. Tamén trataremos simultáneamente motivacións temáticas, nos obradoiros sobre comúns dixitais, económicos, urbanos e naturais. 
Ven xente moi interesante de moitas partes de Europa: potencias interesantes coas que aprender xuntas! Tamén podedes presentar o voso proxecto na ágora de Cooperland, o Pechakucha. Ven facer o teu ou a escoitar!
Se tes aportacións, suxerencias ou dúbidas, escríbenos a contacto@cooperland.org.
Non olvides inscribirte aquí, así facilítanos as tareas de organización a nós.
Os próximos 8 e 9 de xuño vémonos no antigo reitorado de Vigo para ¡xantar pro-común!
Graciñas e a difundir, se gostades!
O Equipo Cooperland.
P.S.: adxuntamos a invitación en castelán pero pronto teremos todo en galego. Disculpade!

Ou escríbenos a contacto@cooperland.org

A Plataforma pola Proteccción da serra do Galiñeiro convoca á manifestación deste domingo, 2 de xuño


Comunicado:

Camiñantes en defensa da Serra do Galiñeiro
@eduardogparada
A Plataforma pola Proteccción da serra do Galiñeiro convoca á manifestación deste domingo, 2 de xuño, en Santiago de Compostela xunto con outras plataformas e asociacións de toda Galicia integradas na rede contraMINAcción CONTRA A MINEIRÍA A CEO ABERTO.

Consideramos que máis alá da extracción de materias primas para o necesario consumo, esta febre mineira extendida por toda Galicia responde a un trasvase de fondos de inversións especulativos cara a inversións consideradas refuxio ante a parálise da economía mundial. Non hai moito tempo que similar proceso económico-especulativo produciu en Galicia a burbulla do ladrillo e a implantacion extensiva de parques eólicos. A extración e mercado do ouro é netamente especulativo, pois todo o que xa temos extraído sería máis que suficiente para as necesidades mundiais polo que resta de vida á humanidade. Sobre outros minerais e Terras Raras, ainda que necesarios polos seus usos en alta tecnoloxía, estanse a dar procesos fortemente especulativos inducindo unha extracción desaforada.

Estas explotacións corren a cargo de empresas transnacionais, das que o capital non se sabe de onde procede nin a onde revirte. Elas poñen as condicións e impoñen a normativa aos países empobrecidos, convertindo aos cidadáns en escravos da economía. A condición de “de utilidade pública” conferida polos nosos gobernantes a estes usos do territorio leva á destrución da economía produtiva: explotacións gandeiras, agrícolas, silvícolas .... desparacen do tecido económico galego. Isto só pode ser entendido dende unha posición dos gobernos como reféns deste sistema económico.

O lugar de vida de toda a poboación, o desenvolvemento social e o entretecido socioeconómico das áreas limítrofes a estas explotacións non son consideradas no cómputo económico polos nosos gobernantes, eles só anotan os postos de traballo (precarios) que crea a mina e non contabilizan todos os que desaparecen con cada unha delas, nin o valor do destruído. Tamén ocultan que os beneficios económicos destas explotación duran como moito unha década e a destrución que infrinxen no lugar é practicamente irreversible e infinita no tempo.

No caso da serra do Galiñeiro, a mineiría de Terras Raras é tan altamente contaminante que a única mina deste tipo da que coñecemos a súa explotación, situada en California (Mountain Pass) foi cerrada no ano 2007 pola contaminación radiactiva producida nas aguas en 25 quilómetros á redonda. As explotacións que actualmente existen están na Mongolia China, das que debido ao seu sistema político nada da súa problemática transcende á opinión pública.

A mineiría a ceo aberto supón unha agresión social e ambiental tan forte que está prohibida en moitos países de Europa, así como a utilización do cianuro que agora queren utilizar en Corcoesto para a extracción do ouro.

Outro dos graves problemas desta mineiría é o elevado consumo de agua na seu procesado, algo moi a ter en conta no momento actual, no que este recurso é o máis precioso e preciado de todos, debido á gran poboación mundial existente e ao cambio climático que estamos a sufrir. Ademaís a auga utilizada neste tipo de minas resulta totalmente contaminada e queda inservible para calquera outro uso. En calquera caso, a minaría a ceo aberto supón a extracción de materias do subsolo facendodesaparecer grandes zonas do territorio e producindo altos graos de contaminación nas terras da contorna o que supón en última instancia a perda da condición que o territorio ten de garante de alimentación dos pobos.

De seguir esta senda de absurdo desenvolvemento económico só lograremos trocar o territorio como lugar de vida e fonte de alimentación, con toda a súa biodiversidade, por enfermidade e miseria para a gran maioría das persoas. Estannos a propor alegremente... traballo... traballo de enterradores... cavando a tumba dos nosos soños, dos nosos fillos, do noso pais e a nosa propia. E os que propoñen e deciden tal negocio son as mesmas elites económicas e políticas que meteron o pais na crise do ladrillo, co mesmo dogma económico, coa mesma irresponsabilidade, cegados neste caso polo cobizoso relumbrar do metal. Pero por moito que se empeñen, por moito que o repitan, a megaminería non é solución a ningún dos problemas actuais que sofre este ou calquera outro pobo.


Para máis información: serradogalinheiro@gmail.com

O noso enderezo web: http://www.serradogalinheiro.org

martes, 28 de mayo de 2013

1 de xuño, Pobos unidos contra a Troika

COMUNICADO DE PRENSA
1X: POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA!!!

Unha mobilización convocada a nivel internacional cun obxectivo común:
acabar coas políticas de austeridade e recortes aplicadas pola troika.

O vindeiro sábado, 1 de xuño, terán lugar, en distintos países europeos
(Alemaña, Galicia, Portugal, Escocia, Eslovenia, Italia, Greza, Bretaña,
Francia, Inglaterra, Chipre, España, Catalunya e País Vasco) unha serie de
mobilizacións baixo o lema Pobos unidos contra a troika!!! Esta
mobilización ven motivada pola determinación do pobo a facer fronte a un
réxime inxusto, desigual e indigno que, amparado na imposición de
austeridade que chega dende a troika (FMI, BCE e Comisión Europea),
prolonga e lexitima a dominación da minoría que ostenta o poder fronte á
maioría.

En Galicia, a mobilización terá lugar na cidade de Vigo, ás 12:00h., con
saída dende a Praza de España e percorrido ata a Porta do Sol. Esta
mobilización, convocada pola mesma cidadanía, é organizada, no caso de
Vigo, pola Plataforma 1X-Vigo, formada por xente pertencente a diversos
tipos de organizacións.

Nesta cidade teñen lugar, dende o pasado venres 25 de maio, unha serie de
sesións informativas/formativas organizadas baixo o título Ferramentas
para a transformación social. Estas sesións, que pretenden ofrecer un
espazo destinado á construción conxunta de alternativas, tocan temas tan
diversos como a cultura contemporánea, feminismos, obxección fiscal aos
gastos militares, movementos de resistencia ou autoxestión, entre outros.

A coordinadora define os seguintes obxectivos:

- Amosar a repulsa do pobo ante un sistema autodestrutivo.
- Loitar contra a hexemonía do mercado.
- Procurar, de xeito democrático e horizontal,  alternativas que leven á
adopción de sistemas:
                - baseados na ética, na responsabilidade e na dignidade.
                - nos que  cada persoa decida e participe de xeito directo.
                - nos que se respecten en primeiro lugar os dereitos
                  humanos.
                - nos que a natureza sexa unha riqueza a conservar e non un
                  negocio a explotar.

lunes, 27 de mayo de 2013

Obradoiro de horta en finca ecolóxica en Redondela

Trala xornada de traballo na horta urbana de Ourense, Amigos da Terra convídache a un segundo obradoiro práctico, desta vez na finca ecolóxica "Horta do Cadaval", en Redondela. Os labregos  Jacobo Ojea e Belén Fervenza, ábrennos a súa horta para compartir os seus coñecementos e ensinarnos a cultivar os nosos propios alimentos. 

Se asistiches ao II curso de horto ecolóxico, poderás poñer en práctica todo o aprendido e, se non, esta será unha oportunidade inmellorable para iniciarte na agricultura ecolóxica. Ademais, as actividades previstas capacitarannos para participar no proxecto de horta comunitaria que estamos a artellar en Vigo e que iniciaremos proximamente. Aactividade é gratuita e aberta a calquera persoa interesada. Apúntate xa!

Data e hora: sábado 1 de xuño (ás 10:00 horas)
Lugar: Reboreda, Redondela 
Máis información:  cooperacion@amigosdaterra.net

viernes, 10 de mayo de 2013

12 maio: Acampada simbólica na farola de Urzáiz (Vigo)


12 maio: Acampada simbólica

Cúmprense dous anos das manifestacións que se realizaron en cidades de todo o estado español convocadas por “Democracia Real Ya”, movilizacións que por realizarse un 15 de Maio deron nome ao movemento 15M.
Reivindicando esta historia e para dar a coñecer as nosas conclusións e propostas de futuro 15MCS convoca o 12 de maio, ás 18.00 horas, unha acampada simbólica na farola de Urzáiz (Vigo).

Fonte