martes, 10 de abril de 2012

Novo intento de récord de solo de guitarra no MARCO de Vigo

Tras os últimos récords do ‘Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado’, conseguidos por Gabriel Domínguez (7 horas, 10 minutos, 6 segundos), e Cristian Matos (9 horas, 0 minutos, 0 segundos), mañá mércores a partir das 11.00 un novo candidato tentará batelo á súa vez.


Nesta ocasión, será Rubén Fernández, estudante e guitarrista do grupo ‘The Silence’ quen, coa súa participación, active novamente a peza do artista Thom Kubli na exposición ‘PRESENZA ACTIVA. Acción, obxecto e público’.

Record Attempt [Intento de récord], de Thom Kubli, é unha das obras incluídas na exposición PRESENZA ACTIVA, nas salas da planta baixa. Esta instalación e plataforma de performance presenta un arquivo documental e un escenario en directo para que os participantes tenten bater o récord do ‘Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado’, que o propio artista deixou o 9 de febreiro en 7 horas, 5 minutos e 4 segundos, que Gabriel Domínguez Garcíabateu o 7 de marzo, cun novo rexistro de 7 horas, 10 minutos e 6 segundos, e que Cristian Matos Paes conseguiu batir novamente o14 de marzo co récord actual de 9 horas, 0 minutos, 0 segundos.http://www.marcovigo.com/content/presenza-activa

O concurso está aberto ao público para responder ao reto durante o período que dure a mostra, previa cita. Todas as actuacións están supervisadas por unha testemuña e son retransmitidas en tempo real a través da web. Durante as accións, o público permanece separado fisicamente da actividade, que ten lugar dentro dunha cabina illada, provista dunha fiestra para ver o interior. Na mesma sala exhíbese tamén un vídeo que documenta o primeiro intento de récord de Thom Kubli, sincronizado cun texto sonoro do artista revelando os sinceros motivos que o levaron a realizar o ‘Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado’.



No hay comentarios: