CONCENTRACIÓN-ACCIÓN, ÁS 6 DA TARDE, DIANTE DO MARCO (Vigo).
Nestes tempos de austeridade, constatamos con indignación o agravamento das condicións de vida das mulleres no noso continente, sobre todo no sur de Europa. A Europa do capital está a saquear as nosas vidas e os nosos dereitos, está a levar ás nosas sociedades a un estado de emerxencia no que somos as mulleres as principais afectadas tanto polos recortes como polas políticas conservadoras dos gobernos liberais que pretenden impoñer valores baseados na "volta ao fogar" e no modelo de familia nuclear contra o que tanto loitamos as feministas.
Nós, mulleres, sufrimos de xeito diferente os efectos das crises económicas e sociais porque nos atopamos situadas de xeito diferente nas xerarquías do poder económico, político, social, cultural e simbólico.
Os recortes na inversión de diñeiro público, como por exemplo nos servizos e equipamentos de apoio a menores e a persoas da terceira idade, ou a mercantilización do acceso á vivenda, dificultan en grande medida a autonomía das mulleres. Ademais, os recortes dos gastos sociais do estado presupoñen sempre un incremento de traballo doméstico e de coidados non remunerados (en xeral a cargo das mulleres), deste modo, as empresas dispoñen sempre dunha forza de traballo dispoñíbel en calquera momento, que se contrata en períodos de expansión e que se despide en tempos de crise.
O risco de agravamento da desigualdade nos usos do tempo de homes e de mulleres na familia é grande. Acentúase a idea, asumida xa de xeito cultural, de que as mulleres pertencen á esfera da reprodución e desvencéllase ao home da responsabilidade material e afectiva nestas cuestións do coidado da casa, d@s fill@s e das persoas maiores da familia. Todo isto vese aumentado polo pensamento neo-conservador e austero, que busca impor valores ao "regreso das mulleres ao fogar" coas políticas "familiaristas" e asistencialistas de submisión dos dereitos individuais a un modelo familiar único e exclusivo, o que dificulta o camiño emancipador das mulleres.
Nós, as mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta, que remate co sistema capitalista e patriarcal e que nos permita vivir a nós e a tod@s unha vida digna.
Fonte: Marcha Mundial das Mulleres
Máis info feminismo: www.respetoeigualdad.piesnegros.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario