jueves, 29 de noviembre de 2012

Cadea humana polo dereito a vivir con dignidade dende a parroquia Cristo da victoria (Coia, Vigo)


Comunicado:

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia e a Parroquia do Cristo da Victoria convocamos a participar nunha CADEA HUMANA que sairá dende as portas da parroquia (Baiona 9 b - Coia) este DOMINGO 2 de decembro a partires das 13h00.

“POLO DEREITO A VIVIR CON DIGNIDADE”. ESIXIMOS O INCREMENTO DO GASTO SOCIAL NOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE 2013.

Hai tempo que á Oficina de Dereitos Sociais de Coia e á Parroquia Cristo da Victoria se veñen achegando cada vez máis familias que, no contexto diso que deron en chamar crise económica, experimentaron un progresivo empeoramento das súas condicións de vida ata o punto de que non son quen de satisfacer as súas necesidades máis elementais. Familias que, desesperadas porque non atopan unha resposta xusta das administracións (que son as que teñen a obriga de velar por que sexan respectados os seus dereitos básicos), acoden a outros espazos, coma o noso, na procura de solucións ao empobrecemento crecente que padecen.
Así, día a día estamos a comprobar que en Coia, coma noutros tantos barrios e lugares, a dor e a inxustiza gañan espazo baixo o rostro cruel do paro, a falla de recursos para chegar a fin de mes ou para facer fronte aos recibos de luz ou auga, a perda da vivenda...

Tres datos son suficientes para poñer de manifesto a magnitude dos problemas que afectan á maioría:
14.000 persoas desempregadas no INEM de Coia (o 36% dos parados de Vigo), das que só algo menos de 5.000 reciben algunha prestación ou subsidio.
38.100 persoas desempregadas en Vigo, o que supón unha taxa de desemprego do 24,2%
24.000 fogares galegos sen ningún ingreso económico, segundo o Instituto Galego de Estatística.

Ante esta realidade tan dura, a ODS-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria decidimos, dende a convicción de que a loita contra a pobreza e a precariedade debe ser a primeira das nosas obrigas, dar un paso adiante para denunciar que as administracións non están a dar unha resposta xusta aos graves problemas que están a sufrir os nosos veciños e veciñas:

Por unha banda, debido principalmente a unha previsión orzamentaria insuficiente, tivo lugar un endurecemento das condicións e un incremento das dificultades para acceder ás axudas económicas municipais dirixidas a cubrir situacións de emerxencia e falta de recursos (pagamento de recibos de luz ou auga, alimentos, material escolar dos cativos...).

Por outra banda, a escasez do número de axudas sociais e da contía das mesmas (só 5000 familias en Galicia e 1000 en Vigo perciben a RISGA, cunha media de 400 euros ao mes), vén a agravarse polos atrasos inadmisibles por parte do Concello á hora de tramitar ditas axudas, atrasos que supoñen un incuprimento intolerable da legalidade vixente en materia de RISGA, que obriga a resolver os expedientes en tres meses.

Por todo isto, dirixímonos hoxe publicamente á administración máis cercana a nós, o Concello de Vigo, xusto agora que se están a debater os presupostos do vindeiro ano, para esixirlle que a nosa riqueza se reparta de xeito que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen el e que sirva para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas. Esixímoslle, en definitiva, que cumpra coa súa obriga de garantir os dereitos fundamentais das veciñas e veciños da nosa cidade incrementando de xeito considerable, en detrimento doutras partidas non prioritarias, as destinadas a asuntos sociais e, en concreto, ás axudas económicas dirixidas a cubrir situacións de emerxencia e falla de recursos.

Porque é urxente, resposta inmediata ás situacións de emerxencia social das familias!
Porque é a súa obriga, incremento significativo do gasto social nos orzamentos municipais!
Porque é de xustiza, respecto aos dereitos sociais de todas as persoas!

Coia, decembro 2012
ODS-Coia e Parroquia “Cristo da Victoria” - Coia, Vigo

No hay comentarios: