jueves, 30 de mayo de 2013

A Plataforma pola Proteccción da serra do Galiñeiro convoca á manifestación deste domingo, 2 de xuño


Comunicado:

Camiñantes en defensa da Serra do Galiñeiro
@eduardogparada
A Plataforma pola Proteccción da serra do Galiñeiro convoca á manifestación deste domingo, 2 de xuño, en Santiago de Compostela xunto con outras plataformas e asociacións de toda Galicia integradas na rede contraMINAcción CONTRA A MINEIRÍA A CEO ABERTO.

Consideramos que máis alá da extracción de materias primas para o necesario consumo, esta febre mineira extendida por toda Galicia responde a un trasvase de fondos de inversións especulativos cara a inversións consideradas refuxio ante a parálise da economía mundial. Non hai moito tempo que similar proceso económico-especulativo produciu en Galicia a burbulla do ladrillo e a implantacion extensiva de parques eólicos. A extración e mercado do ouro é netamente especulativo, pois todo o que xa temos extraído sería máis que suficiente para as necesidades mundiais polo que resta de vida á humanidade. Sobre outros minerais e Terras Raras, ainda que necesarios polos seus usos en alta tecnoloxía, estanse a dar procesos fortemente especulativos inducindo unha extracción desaforada.

Estas explotacións corren a cargo de empresas transnacionais, das que o capital non se sabe de onde procede nin a onde revirte. Elas poñen as condicións e impoñen a normativa aos países empobrecidos, convertindo aos cidadáns en escravos da economía. A condición de “de utilidade pública” conferida polos nosos gobernantes a estes usos do territorio leva á destrución da economía produtiva: explotacións gandeiras, agrícolas, silvícolas .... desparacen do tecido económico galego. Isto só pode ser entendido dende unha posición dos gobernos como reféns deste sistema económico.

O lugar de vida de toda a poboación, o desenvolvemento social e o entretecido socioeconómico das áreas limítrofes a estas explotacións non son consideradas no cómputo económico polos nosos gobernantes, eles só anotan os postos de traballo (precarios) que crea a mina e non contabilizan todos os que desaparecen con cada unha delas, nin o valor do destruído. Tamén ocultan que os beneficios económicos destas explotación duran como moito unha década e a destrución que infrinxen no lugar é practicamente irreversible e infinita no tempo.

No caso da serra do Galiñeiro, a mineiría de Terras Raras é tan altamente contaminante que a única mina deste tipo da que coñecemos a súa explotación, situada en California (Mountain Pass) foi cerrada no ano 2007 pola contaminación radiactiva producida nas aguas en 25 quilómetros á redonda. As explotacións que actualmente existen están na Mongolia China, das que debido ao seu sistema político nada da súa problemática transcende á opinión pública.

A mineiría a ceo aberto supón unha agresión social e ambiental tan forte que está prohibida en moitos países de Europa, así como a utilización do cianuro que agora queren utilizar en Corcoesto para a extracción do ouro.

Outro dos graves problemas desta mineiría é o elevado consumo de agua na seu procesado, algo moi a ter en conta no momento actual, no que este recurso é o máis precioso e preciado de todos, debido á gran poboación mundial existente e ao cambio climático que estamos a sufrir. Ademaís a auga utilizada neste tipo de minas resulta totalmente contaminada e queda inservible para calquera outro uso. En calquera caso, a minaría a ceo aberto supón a extracción de materias do subsolo facendodesaparecer grandes zonas do territorio e producindo altos graos de contaminación nas terras da contorna o que supón en última instancia a perda da condición que o territorio ten de garante de alimentación dos pobos.

De seguir esta senda de absurdo desenvolvemento económico só lograremos trocar o territorio como lugar de vida e fonte de alimentación, con toda a súa biodiversidade, por enfermidade e miseria para a gran maioría das persoas. Estannos a propor alegremente... traballo... traballo de enterradores... cavando a tumba dos nosos soños, dos nosos fillos, do noso pais e a nosa propia. E os que propoñen e deciden tal negocio son as mesmas elites económicas e políticas que meteron o pais na crise do ladrillo, co mesmo dogma económico, coa mesma irresponsabilidade, cegados neste caso polo cobizoso relumbrar do metal. Pero por moito que se empeñen, por moito que o repitan, a megaminería non é solución a ningún dos problemas actuais que sofre este ou calquera outro pobo.


Para máis información: serradogalinheiro@gmail.com

O noso enderezo web: http://www.serradogalinheiro.org

No hay comentarios: