Esta próxima fin de semana colectivos de toda España tomarán as rúas. Dende Sevilla ata Barcelona, dende Madrid ata Vigo, a xente está a se erguer para reclamar os seus dereitos e esixir que os gobernos xestionen para a cidadanía, e que deixen de protexer a bancos e multinacionais, causantes dunha crise que nos obrigan a pagar ao resto.
De novo, o momento de unirnos chegou, nunha chamada de atención masiva, a escala nacional. O partido gobernante, incumprindo as súas propias promesas electorais, actúa en beneficio duns poucos poderosos, desoíndo a vontade da maioría, sen importarlles o máis mínimo a repercusión dunhas decisións que provocan a desigualdade e a quebra social.
En Vigo, atoparémonos fronte á casa do Concello, o domingo 17 ás 18:00h para realizar una marcha que fará un percorrido por Venezuela, Gran Vía, Urzaiz ata o farol de Príncipe baixo o lema “NON É UN RESCATE, É UNHA ESTAFA”.
Hai que pór fin a esta intolerable situación. Cunha soa voz faremos saber ás cúpulas políticas, e ás elites financeiras ás que serven, que agora, nós, as persoas, reclamamos o que nos pertence por natureza: o poder de decisión sobre o noso futuro. Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros.
A través desta marcha reclamaremos o noso dereito a participar activamente na vida democrática do noso país, da nosa cidade, da nosa comunidade. Para isto esiximos que esta medida unilateral, imposta por un goberno deslexitimado polas súas falsedades e incongruencias, sexa refrendada por toda a cidadanía vía REFERENDO VINCULANTE de xeito inmediato.
Manifestarémonos pacificamente, debateremos e nos organizaremos, con determinación, ata conseguilo. Volve ser a hora de que nos unamos. É hora de que nos escoiten. Tomamos a rúa o 17 de xuño!
No hay comentarios:
Publicar un comentario