viernes, 19 de noviembre de 2010

A FAVEC reclama ao Concello a mellora do servizo de transporte colectivo público da cidade.

Vía: www.favec.es

A Federación Veciñal de Vigo cursou hoxe, a través do rexistro telemático do Concello de Vigo, unha solicitude para celebrar unha reunión urxente co Concelleiro de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Calviño, co obxecto de abordar a situación do transporte colectivo público da nosa cidade.

IMPRESCINDÍBEL MELLORA DO SERVIZO DE TRANSPORTE PÚBLICO
A FAVEC demanda que se mellore o servizo de transporte público de Vigo, mellora que cualifican de imprescindíbel, nomeadamente no relativo ás frecuencias, duración das viaxes e ás cadencias dos horarios, xa que en moitos puntos da cidade o paso de autobuses se concentran en pequenas franxas horarias (10-15 min) deixándoas de facto sen servizo durante períodos longos.
Malia que é no cinto periurbano da cidade onde se rexistran as maiores deficiencias, tamén existen importantes eivas no propio casco urbano da cidade. Así mesmo existe unha histórica insuficiencia de servizos durante as fins de semana de conexión das parroquias co centro da cidade.
PREOCUPACIÓN POLA PERDA DE VIAXEIRAS/OS
O colectivo veciñal amosa a súa fonda preocupación pola perda de máis de 300.000 viaxeiras/os durante os once meses que levamos de 2010. Admitindo que as obras que se están a realizar dificultan o tránsito e isto pode ter un impacto negativo, sosteñen que precisamente na actual situación de difícil mobilidade se debera ter feito unha maior aposta polo transporte colectivo –mellorando p.ex. as frecuencias- como medida que axilizase o intenso tráfico que soporta a cidade, o que tería provocado un incremento no número de usuarias e usuarios.
Nesta situación é indispensábel que se tomen medidas áxiles para corrixir esta tendencia, polo que a FAVEC reclama que se presente á maior brevidade o anunciado Plan Municipal de Transporte, ao tempo que demanda que este teña en conta as reivindicacións das asociacións veciñais e sexa consensuado con estas.
REUNIÓN DA VOGALÍA DE TRANSPORTE DA FEDERACIÓN
O vindeiro xoves 25 celebrarase unha reunión da Vogalía de Transporte da FAVEC, á que están convocadas todas as asociacións federadas, que se centrará precisamente na situación do transporte colectivo. Nesa reunión recolleranse as reivindicacións e necesidades dos diferentes barrios e parroquias para llas trasladar ao Concello.
CONTROL DA CONCESIONARIA
Así mesmo desde a Federación Veciñal enténdese que non é o momento de falar de hipotéticas prórrogas da concesión do servizo do transporte colectivo a Vitrasa, senón de incrementar o control municipal sobre a concesionaria, tal e como lle reclamaron ao Alcalde na xuntanza do pasado 19 de xullo, para mellorar o servizo que se presta.
A Comisión Permanente de FAVEC

No hay comentarios: